viernes, 1 de abril de 2011

O sopor como sustento da cultura

O sopor debera ser un elemento fundamental de transmision nas escolas, institutos e universidades do país, se é que aínda non o é, pois, segundo teño constatado, é un elemento de vital importancia á hora de crear na mente humana a necesidade de penetración de contidos de todo tipo que satisfagan a rede neuronal despois de horas de tedio.

Como experimentado sufridor do sopor que son -tres meses de becario no departamento de comunicación da Xunta de Galicia e soldado raso no 1º Batallón de Infantería Propagandística do concello de Ames- podo afirmar, como se realizase un detallado estudo dos efectos do sopor no tecido cerebral, que este estado de semiletargo é altamente beneficioso para a adquisición de todo tipo de coñecementos.

Así, sometido o corpo humano a un período de sopor que supere as oito horas diarias durante 5 días á semana, o individuo desenvolve unha adicción pola realización de labores de carácter intelectual, cultural e social que favorece o incremento de toda clase de coñecementos indispensables para o goce da vida.

Durante os tres meses nos que me adiquei a facer acto de presenza no gabinete de prensa de Presidencia da Xunta de Galicia fun desenvolvendo co paso dos días unha irritante sensación de vacío mental -o vacío estomacal era sofocado co asalto á máquina das porcalladas- que facía de min un pequeno sabueso olfateador de toda caste de obxectos que desprendesen algún tipo de cheirume a contidos interesantes, melodías altamente nutritivas ou imaxes vitaminadas.

Deste xeito, pasei de estar a babexar diante do ordenador a coller con entusiasmo calquera dos libros que o panfleto Público regalaba os sábados, chegando a ler dous á semana cunha voracidade pasmosa.

Descorporizarse dun corpo pesado, de boas carnes musculadas a base de paseos e criadas con exquisita gula; deslocalizarse dun despacho de insulsa decoración, pesado e abafante aire e desconcertantes -mesmo algunhas, irritantes- presenzas humanas e botarse de cabeza ao café onde aniñaba a colmena coas súas abellas pouco laboriosas, dispostas a arrimar a entreperna a calquera cacho de carne magra; afogar na soedade calorosa dunha casoupa sita no meio das plantacións sudafricanas á espera de que a violencia estouope en forma de torpe man negra namorada dunha decepción; pasear polas ruelas de Castroforte do Baralla entre mociñas virxes que glorifican nunha escura coba ao pirulí de la Habana, curas censores das máis básicas necesidades sexuais, paxaros contedores da Historia pasada máis noble da vila, intelectuais que consolan a vellez fodendo rapariguiñas contra a tapia do cementerio... E saír desa oficina ao aire mecanizado da rúa e meterse no cine para darlle aos oculos o que os oculos queren: rechmantes pantallazos de cine!



E todo polo sopor, xerme criador das máis básicas necesidades intelectuais.